
XEOGRAFÍA
A Pobra de Trives sitúase ao occidente da Serra de Queixa, que supera os 1500 m. A altitude mínima é de 300 metros (río Bibei) e a máxima de 1778 ( Cabeza de Manzaneda). O terreo baixa cara ao oeste e cara ás ribeiras do río Bibei, e forma vales estreitos e encaixados con grandes desniveis.
O río Bibei é o afluente máis importante do río Sil. Nace na “Serra Segundera” no municipio zamorano de Porto de Sanabria, a 1840 metros de altitude, e constitúe case todo o límite norte do concello. Desde a súa marxe esquerda desembocan nel o río Navea e o San Lázaro, o Cabalar e o Fiscaíño, en forma de fervenzas. Nas zonas altas predomina un clima de montaña, e nos vales é case mediterráneo. O inverno é duro, longo (9ºc), rudo e con moitas precipitacións que con frecuencia, dependendo da altitude, son en forma de neve. O verán é morno (15ºc en xullo) e caracterízase pola gran seca. As precipitacións aumentan coa altura e oscilan entre os 874 mm do fondo do val aos case 2000mm nas montañas.
POBOACIÓN
A Pobra de Trives ten unha superficie de 31,29 qm2 e acolle unha poboación, de 2.511 habitantes (2010), cunha densidade de 80,25 habitantes/qm2 distribuídos en dezanove aldeas: Barrio, Castro, Cotarós, Cova, A Encomenda, Mendoia, Navea, Pareisás, Pena Folenche, Pena Petada, Piñeiro, A Pobra de Trives (concello), San Lourenzo, San Mamede, Sobrado, A Somoza, Trives, Vilanova, Xunqueira.
A capital atópase na Pobra de Trives que é tamén cabeza de partido xudicial. O xentilicio é: trivés/trivesá ou tiburo/tibura.
A actividade económica do municipio baséase principalmente no sector servizos (turismo rural e de montaña), na agricultura/gandería e o comercio/hostalería.
Nos meses de xullo, agosto e setembro a poboación incrementa considerablemente o seu número de habitantes, xa que regresan os fillos e netos de triveses que durante o resto do ano viven noutros lugares.