Programa de Nadal 2018 - 2019 da Pobra de Trives

Compartir

Programa de Nadal 2018 - 2019 da Pobra de Trives

O programa de Nadal estará composto por actuacións musicais, teatro, deporte, e moitas citas solidarias. Xa o día 1 de decembro daba comezo unha das campañas solidarias, neste caso organizada pola Agrupación de Voluntarios de Trives. Baixo o lema “Un Nadal Feliz Para Todos”, recolle alimentos non perecedoiros en todos os supermercados da vila e prolongarase ata o vindeiro 5 de xaneiro.

Paralelo a este acto solidario, ten lugar outro na Biblioteca Municipal que arrancou o día 3 e se continuará ata o 22. Neste caso estamos ante un “Mercadiño do Libro Usado”, onde os usuarios e usuarias da biblioteca municipal poderán trocar un kilo de alimentos non perecedoiros por 1 libro do seu interese. Estes libros son previas doazóns de usuarios e usuarias á biblioteca municipal e que actualmente están descatalogados para formar parte da súa colección.

Con estas actividades e sumándolle o aceso da iluminación de Nadal o pasado 6, quedou máis que inaugurado o programa deste mes de decembro e de todo o Nadal, no que se pretende que a festividade chegue a todos os fogares do concello.

O sábado 15 chega o Concerto de Nadal que organiza cada ano por estas datas o Orfeón Trivés. A cita é no Auditorio Julio Vázquez ás 19:30h. e os coros participantes serán a Coral Ecos do Ulla, de Monterroso, a Coraliña Cantora, da Pobra de Trivés e o Orfeón Trivés, tamén de Trives e organizador do evento.

O domingo 16 desde a Oficina de Turismo anímannos a festexar o Día da Montaña coa Ruta de Sendeirismo “Ponte Navea”, unha camiñata de arredor de 6 quilómetros e cunha dificultade media-baixa. A saída será ás 11 da mañá de diante da Oficina de Turismo (en Santa Leonor).

Os obradoiros tamén está presentes neste nadal, o 18 de decembro chega unha tarde de manualidades de nadal para os pequenos da casa na Biblioteca Municipal ás 17 h. e o día 19 o turno é para as mulleres cun obradoiro de autocoidado persoal levado a cabo polo CIM, na Sala de reunión do lado novo do Concello ás 17h.

A música e os certames de Nadal non poden faltar nestas datas. O 21 pola mañá celebran o Festival De Nadal no CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, e ese mesmo día pola tarde chégalle o turno aos alumnos da Escola Municipal de Música, que teñen o seu Certame de Nadal no Auditorio Julio Vázquez ás 19:30h.

Un dos platos fortes que da comezo aos festexos propios do Nadal chega na noite do 23 co Lanzamento dos Faroliños Voadores Solidarios, onde o ceo trivés se enche de luces e desexos a partires das 20h. na Finca da Barreira.

A visita de Papá Noel será o 24 de decembro ás 4 da tarde na Praza do Pilón iluminando as caras dos nenos e nenas que se acheguen a el para facerlle as súas peticións.

Como cada ano, Pazolandia é a excursión agardada polos cativos para pasar en Ourense unha xornada gozando de todo tipo de atraccións. Esta cita será o 26 de decembro.

O cine infantil non pode faltar no programa de Nadal, e desta volta contaremos con dúas películas e serán o 27 de decembro e o 2 de xaneiro ás 16h. no Auditorio Julio Vázquez. As proxeccións serán “Se armó el Belén” e “PJ Mask, ¡Hola, Navidad!”

Sarabela teatro presentará a súa obra “Proxecto Noé” o día 28 venres, no Auditorio Julio Vázquez. Un espectáculo infantil sobre a amizade no que tres pingüíns, o diluvio universal e dous únicos boletos para o arca de Noé son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. A función dará comezo ás 19h e as entradas terán un prezo de 3€.

Durante a fin de semana do 28, 29 e 30 de decembro xogarase o Torneo de Fútbol Sala Solidario  organizado entre os concellos de Trives, Manzaneda e Río, e A.C. Río Mola de San Xoán de Río, o Sporting de Manzaneda e a A.C. A Rebusca de Manzaneda e o C.D. Trives, o Club Montaña Trives e o Disco-Pub Curvi da Pobra de Trives. Na final deste torneo celebrarase a Gran Festa do Fútbol. Evento no que se une deporte e solidariedade.

Outra cita deportiva será o Curso de Defensa Persoal que se fará dentro das festas de Nadal, pero aínda non ten a data pechada.

O personaxe que tamén visitará Trivés será o Apalpador e farao o 3 de Xaneiro, visita que inclúe unha sesión de contacontos.

A seguinte cita terá lugar o sábado día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis onde o Sr. Alcalde saudará aos Reis Magos dende o balcón do Concello e despois continuará a Cabalgata ata o Auditorio asegurando que alí os nenos e nenas lle poidan entregar a súa carta persoalmente ás súas maxestades de Oriente.

Ademais outra das tradicións do Nadal Trivés é a visita ao Belén do Elías que permanecerá aberto do 23 de decembro ao 8 de xaneiro de 12h. a 13:15h. e de 16h. a 18:30h. nas dependencias do CEIP Manuel Bermúdez Couso.

Nesa mesma sala quedarán expostas tamén as postais do I Concurso de Postais de Nadal organizado pola ANPA O Recreo.

Desde o Concello da Pobra de Trives desexámosvos unhas moi Felices Festas e un Feliz Aninovo e que sexan unhas datas cargadas de ilusión e maxia para todas e todos!!