FESTA DO COCIDO
Na localidade de Piñeiro celébrase todos os anos, no mes de xaneiro, unha festa popular de confraternidade. Os habitantes desta parroquia traballan unidos na preparación dun cocido para todos os habitantes da comarca. O cocido acompáñase do viño da localidade, que conta coa primeira bodega con denominación de orixe Ribeira Sacra. A organización dispón de carpa climatizada, xa que en xaneiro fai moito frío, na que tampouco falta a música popular.
FESTA DO CHOURIZO
Esta festa celébrase na parroquia de Vilanova a primeiros do mes de febreiro. A festa comeza pola mañá cando os romeus soben á capela. Ao mediodía os nenos sacan o San Blas, unha pequena imaxe duns 30 cm. Cando escurece as fogueiras dos distintos grupos de veciños, amigos e familias, están listas para asar os chourizos acompañados cun bo pan da zona e regados, como non con viño caseiro. Todo isto sen esquecer a bica e os licores. A noite vai pasando ao compás que marca a orquestra.
ENTROIDO
Neste concello celébrase cada ano con máis arraigo o entroido. O entroido celébrase o xoves de compadres e comadres.
No concello hai cinco folións, cada un deles cun son diferente, que dan vida e colorido ás rúas da vila nestes días. As rúas da vila énchense de xente para escoitar o ritmo dos folións, caracterizados polo ruído atronador dos bombos que se intensifica polas noites.
FESTA DA BICA
A festa da bica nace no ano 1972 e dende entón celébrase o último domingo de xullo. A festa supón a exaltación desta deliciosa sobremesa orixinaria da comarca. Celébrase unha romaría popular con degustación de bica e licor café.
Milleiros de persoas acoden a esta festa na que todos os anos se acaban as existencias de bica. Os visitantes e turistas non só a degustan ese día, senón que a levan como agasallo e é, sen dúbida, un dos mellores recordos que poden levar desta terra.
MAGOSTO
No mes de novembro a castaña convértese no froito máis importante da zona, xa que se celebran diversos magostos onde os veciños se reúnen ao redor do lume e asan as castañas. As castañas van acompañadas dun bo viño, que en moitas ocasións xa é de nova colleita. Durante todo o magosto os veciños tamén poden gozar coa música popular, que ameniza a festa.
FEIRAS
Os días 1 e 15 de cada mes celébrase no concello de A Pobra de Trives a feira. A data da feira só se modificará se coincide con día festivo, que pasará a celebrarse o seguinte día laborable.
FESTAS POPULARES
Cada aldea e cada parroquia do concello ten as súas festas coas correspondentes procesións e festexos.
ALDEAS | PATRÓN | FESTAS |
BARRIO | SAN XOÁN | NOSA SEÑORA DO ROSARIO: 2 DE OUTUBRO |
O CASTRO | SAN NICOLAO | CORPUS CHRISTI: 23 DE XUÑO |
O COTARÓS | SANTIAGO | SANTIAGO: 25 DE XULLO |
COVA | SANTA MARIA | SANTA MARÍA: 15 DE AGOSTO SAN BERNABÉ: 11 DE XUÑO |
A ENCOMENDA | SAN ANTÓN | SAN ANTÓN: 17 DE XANEIRO SANTA ANA: 4 DE SETEMBRO |
PIÑEIRO | SAN SEBASTIÁN | SAN SEBASTIÁN: 20 DE XANEIRO |
POBRA DE TRIVES | STO. CRISTO DA MISERICORDIA | SAN BARTOLOMEU: 24 DE AGOSTO SANTO CRISTO: 14 DE SETEMBRO DOLOROSA: 17 DE SETEMBRO |
SAN LOURENZO | SAN LOURENZO | SAN LOURENZO: 1 DE AGOSTO |
SAN MAMEDE | SAN MAMEDE | SAN MAMEDE: 7 DE AGOSTO |
SOBRADO | SAN SALVADOR | SANTA CRUZ: 3 DE MAIO SAN SALVADOR: 6 DE AGOSTO |
MENDOIA | NOSA SRA. DA CONCEPCIÓN | SAN JOSÉ: 15 DE MAIO |
NAVEA | SAN MIGUEL | SAN MIGUEL: 8 DE MAIO |
PAREISÁS | SAN ANTÓN | SAN VICTOR: 26 DE AGOSTO |
PENA FOLENCHE | SANTA MARIÑA | SANTA MARIÑA: 18 DE XULLO |
PENA PETADA | SANTO ESTEBO | SANTO ESTEBO: 19 DE XUÑO |
SOMOZA | SAN MIGUEL | SAN MIGUEL: 29 DE SETEMBRO |
POBRA DE TRIVES | SANTA MARIÑA | SANTA MARIÑA: 15 DE AGOSTO |
VILANOVA | SANTA MARIÑA | SANTA BLAS: 2 DE FEBREIRO |
SAS DE XUNQUEIRA | SAN PEDRO | SAN PEDRO: 19 DE XUÑO |