Rutas de Senderismo

Compartir

En A Pobra de Trives podes realizar as seguintes rutas de senderismo.

Ruta dos Sequeiros
A ruta comeza na Rocha de Pena Folenche, situada no centro da vila. Ao deixar atrás as últimas construcións  contémplase unha bela paraxe, coas fragas dos ríos Navea e Bibei no horizonte. A partires de aquí o camiño continúa polo bosque ata chegar finalmente á paraxe dos Sequeiros.
Os Sequeiros remóntanse a épocas pasadas, xa que eran os lugares onde se secaban as castañas. Creouse unha aldea para estas tarefas onde a xente permanecía longas tempadas durante as labores de recollida e secado das castañas nos meses de outono.
Durante o noso percorrido podemos admirar ademais da bela paisaxe, os castiñeiros centenarios. Se nos deixamos influenciar por antigas lendas, non deberiamos deixar pasar a oportunidade de mirar nos troncos ocos dos sorprendentes castiñeiros por se desen acubillo a máxicos diabiños, os coñecidos como trasnos.

Ruta de Sobrado
Esta ruta forma parte do camiño que na antigüidade empregaban os habitantes de Trives e  Manzaneda para comunicar as dúas vilas, e que servía como vía de comercio para tratantes de gando e alimentos diversos.
En primeiro lugar  dirixirémonos ata o río Bibei pasando por San Fiz, para ver a ponte Cabalar (de orixe romana) onde ademais podemos resaltar a existencia de dous muíños e destacar o valor paisaxístico do medio.
Dende alí subiremos por soutos de castiñeiros ata Mendoia e continuaremos polas zonas de viñas onde veremos os tradicionais viñedos coas uvas típicas da zona, e como non os “lagares”, isto é, edificacións a modo de bodega ou acubillo que hai en moitas das viñas. Camiñando chegaremos ao Pazo de Barbeirón, antesala do conxunto histórico que nos espera en Sobrado onde destacamos o mosteiro do século XII.
Esta ruta terminaría aquí, aínda que podemos rematala no municipio próximo de Manzaneda, pasando por entre carballos típicos desta zona tan fermosa e singular e cruzando o río San Lázaro, que é o que marca a fronteira entre ambos municipios.

Ruta da VIA NOVA
A ruta comeza na Vía XVIII do Itinerario de Antonino (de Bracara Augusta ata Asturica Augusta), coñecida como Vía Nova. A Vía Nova entraba pola ponte Navea, no límite entre os municipios de San Xoán de Río e Pobra de Trives, e foi construída sobre o río que leva o seu mesmo nome (río Navea). A calzada seguía ata Trives vello, onde os restos romanos achados indican que puido ser unha mansión romana.
Ao chegar a Pobra de Trives paga a pena dar un paseo por esta fermosa vila decimonónica coas súas galerías. O Colexio Santa Leonor, cos seus interesantes museos, é unha visita obrigada na vila.
Abandonamos a vila en dirección á Ponte Cabalar (de orixe romana) e aos restos dos dous muíños que alí se enclavan. Gozando da natureza seguimos cara Mendoia e despois continuamos a  nosa ruta en dirección á Ponte Bibei, construído na época do emperador hispalense Traxano, que destaca por ser unha das máis importantes obras da calzada romana. Preto da ponte podemos ver un conxunto de miliarios. E é aquí onde a ruta deixa atrás as Terras de Trives para ir cara as Terras de Valdeorras.

Val dos Faraóns
Sáese dos edificios Galicia, na estacion de montaña, en dirección aos bungalows. Unha vez alí, o sendeiro intérnase no piñeiral onde se abren tres ramais. Elixiremos o central que nos  vai conducir directamente cara un alvéolo granítico dunha espectacular beleza. Perante o alvéolo a imaxinación faise pedra, e a realidade dá entrada a unha variada gama de formas resultado da erosión. As formas plásmanse na pedra como gammas, diáclases, bolos e os espectaculares castelos de granito.
O percorrido pode finalizar nesta zona ou, pola contra, pódese continuar descendendo ata a aldea de Pena Petada, aínda que isto engadiría dificultade á marcha converténdoa en non apta para os nenos.
A duración é de 2 horas aproximadamente ata o Val dos Faraóns. A duración ata Pena Petada é dun día.
Recomendacións: Calzado de montaña cómodo e unha pequena mochila con todo o preciso. Se se continúa ata aldea cómpre levar comida.

Ruta do Glaciar
Saímos desde os edificios Galicia, na estación de montaña, en dirección ao telecadeira, alí enlazaremos co sendeiro e os respectivos sinais que o percorren.
1ª bifurcación: collemos o ramal da dereita. Un pouco máis adiante, á esquerda, os piñeiros desaparecen. Despois ábrese unha panorámica que acaba complementando a súa beleza na curva pronunciada que dá acceso de novo ao piñeiral.
2ª bifurcación: aquí seguimos polo ramal da esquerda onde xa se ven perfectamente os efectos do glaciarismo
3ª bifurcación: collemos o ramal á dereita que finaliza a súa andadura no aparello glaciar das Lamas, un dos mellor conservados de Galicia, onde poden apreciarse á perfección os diferentes tipos de morenas, o val glaciar en forma de artesa e os tres circos colgados. Ten unha antigüidade de entre 13.000 e 16.000 anos.
Esta ruta ten un percorrido aproximado de 6 quilómetros cunha dificultade media baixa e é apta para nenos, sempre que non sexan moi cativos.
O tempo aproximado para percorrela é de 3 horas, polo que se aconsella levar calzado de montaña cómodo, unha pequena mochila con crema protectora labial e facial, cámara de fotos, auga, gorro ou viseira e unha pequena caixa de primeiros auxilios.
É posible realizar a ruta durante todo o ano, agás cando o espesor de neve sexa alto e non permita camiñar

Penedo do Lobo
Saímos dos edificios Galicia, na estación de montaña, en dirección aos bungalows onde colleremos o sendeiro  que se interna no piñeiral, onde se abren tres ramais. Elixiremos o  ramal da dereita que desemboca na estrada de Manzaneda. Cruzamos a estrada e retomamos o sendeiro que nos levará ao Penedo. No Penedo  volvemos atopar pedras labradas polo cicel da natureza, onde o máis significativo é a roca con forma de lobo que lle dá nome ao lugar. Se escollemos a volta á estación polo mesmo lugar a ruta ten unha dificultade baixa, mais se optamos  percorrer a estrada a dificultade increméntase nalgún tramo debido á pendente.
A ruta ten unha duración de entre 3,5 e 4 horas segundo o camiño de volta que escollamos.
Recomendacións: calzado de montaña cómodo e unha pequena mochila para levar o necesario: auga, crema protectora facial e labial, gorra e cámara de fotos.