O Concello da Pobra de Trives, un concello comprometido contra as violencias machistas. Desde a Concellería de Muller e Igualdade, Isabel González Fandiño convida á veciñanza a participar, dun xeito activo, na campaña.
Campaña "En Negro, Contra A Violencia"
Por segundo ano consecutivo o Concello da Pobra de Trives sumámonos á campaña "EN NEGRO, CONTRA A VIOLENCIA" continuando así o traballo que desde o Concello se realiza contra esta lacra da nosa sociedade como é a violencia de xénero.
Acción na que participan máis dun cento concellos galegos e xa xon máis de 6000 os negocios e entidades implicadas, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres, unha desigualdade silenciada e en moitos casos normalizada.
O mellor xeito de conseguir estes obxectivos é implicar a toda a cidadanía nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, identificando, transmitindo e incidindo nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais, sendo fundamental fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal.
“Trives En Negro”
Os actos terán lugar durante a semana do 19 ao 25 de novembro, dando comezo o luns día 19 coa colocación das pancartas no balcón do Concello e na Torre do Reloxo e bandeiriñas na Praza do Pilón. Nesta semana faremos visible “TRIVES EN NEGRO” vestindo desta cor negra todos os locais da vila que se sumen á campaña.
Ademais a directora e a asesora xurídica do CIM tamén falarán co alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo nunha charla de sensibilidade e concienciación sobre a violencia de xénero.
Nos obradoiros de memoria anuais tamén farán especial fincapé en actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres
O venres 23 e dentro, a obra de teatro “Loló e mamá” cancélase por razóns alleas á nosa vontade, xa que unha das actrices ten problemas de saúde e non poden levar a cabo a representación.
Xa o día 25, domingo, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, terá lugar a ruta de sendeirismo “SEMPRE LIBRE E SEMPRE VIVA”. Un percorrido de dificultade baixa, dunha hora de duración aproximadamente. A saída será ás 11 da mañá diante da Praza do Concello.
Ás 12:30h. na Praza do Pilón, farase a “Lectura Do Manifesto”, e a continuación, xa finalizando o acto, contamos cunha pequena homenaxe musical feita polo Orfeón Trivés.
Desde o Concello da Pobra de Trives estamos a traballar contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Todas e todos en negro contra as violencias!!