45 edición da Festa da Bica de Trives

Compartir

45 edición da Festa da Bica de Trives

Un dos puntos fortes no programa de verán, sempre é a Festa da Bica, coa que se resalta e promociona o noso doce tradicional. Unha posta en valor que xa vai pola súa 45 edición e sempre intentando facelo dándolle toda a importancia da que se merece.
O sábado 28 de xullo a partires das 12 da mañá un mercado de artesanía da A.C.Tarabelada e diversos artesáns e productores da comarca darán inicio a unha xornada cargada de festexos. Ademáis un stand con Bicas de todos os elaboradores estará presente ao largo do día para que todo o público poida degustar e mercar o homenaxeado produto.
Ás 12:30 da mañá dende a Praza do Concello dará comezo o desfile de Bandas de Gaitas polas rúas de Trives. Varias bandas de gaitas participarán no mesmo amenizando e enchendo de música o noso pobo. Rematarán o seu percorrido na Praza de Abastos.
Xa achegándonos á hora do xantar, ás 13:30h. na Praza de Abastos terá lugar o pregón, que este ano correrá a cargo dun veciño da vila, coñecido e querido por toda a cidadanía, o historiador e director do IES. Xermán Ancochea Quevedo, Francisco García Sánchez.
O xantar da Festa da Bica degustarase ás 14h. na Rúa San Martín,a carón da Praza de Abastos. O menú está composto por empanada, “pulpo á feira”, carne ao caldeiro, viño, BICA e licor café.
A Banda de Gaitas Os Trintas de Trives e a Charanga Nova Terras de Trives amenizarán o xantar.
As entradas para asistir a esta cita gastronómica estarán a venda en diferentes puntos de Trives: na Oficina de Turismo, Cafetería Sky, Cafetería Troula, Cafetería San Martín, Cafetería Cafeto e Cafetería Quintela e teñen un prezo de 10€ para nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 e 10 anos, e pagarán 18€ dende os 11 anos en adiante.
Xa ao remate do xantar e como novidade deste ano entregaránse os premios “Bica de Ouro”, galardóns outorgados polo Concello da Pobra de Trives como recoñecemento a persoas ou entidades pola súa contibución na posta en valor do noso concello así como da súa divulgación, potenciación e promoción en sectores coma o económico, cultural, deportivo, turístico e patrimonial entre outros.
A Charanga Nova Terras de Trives pechará os festexos do día facendo bailar a todas e todos os asistentes.
O domingo, día 29 de xullo, o Concello da Pobra de Trives tamén estará presente no IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que se celebrará na Estación de Montaña Manzaneda. Alí estaremos presentes novamente cun stand con degustación e venda de BICA, o noso producto homenaxeado en representación de todos os que a elaboran en Trives.