FESTA DAS LETRAS

Compartir

FESTA DAS LETRAS

Con motivo da festividade do 17 de maio, o Concello de A Pobra de Trives acollerá un completo programa de actividades de todo tipo, como recitais, música, baile, sendeirismo, contacontos e diversos obradoiros, que se engloban baixo o nome “Festa das Letras”.
Esta batería de actos arranca o vindeiro 12 de maio, venres, co Correlingua, onde os rapaces de Trives se reunirán ás 11:30 da mañá na Praza do Reloxo para percorrer as rúas da zona vella nunha carreira en prol da lingua.
Xa o propio día das letras ás 10:30 da mañá está programada a saída dende Santa Leonor a unha ruta de sendeirismo familiar, con dificultade baixa, para que poda asisitir todo tipo de público e ao remate desta, arredor das 12:30 da mañá, na Praza de Abastos están organizados diversos obradoiros de pintura e murais onde o idioma galego e as súas fermosas palabras seran as protagonistas e así quedarán ben reflexadas.
Nesta mesma xornada os actos continúan ás 18:30h. no Auditorio Julio Vázquez. Música e baile, así como presentacións da vida e obra de Carlos Casares e mesmo un vídeo sobre a “linguaxe popular trivesa” serán o prato forte da tarde das Letras.
O venres 19, será o peche das actividades da Festa das Letras. Desta volta os pequenos serán os protagonistas da tarde, participando nunha xinkana, onde ademáis terán contacontos e obradoiros. Nenos de ata 13 anos pasando unha xornada na que terán que indagar na obra infantil de Carlos Casares do xeito máis divertido.
O alcalde convida aos veciños a participar en todas estas variadas e diferentes actividades organizadas dende o Concello co obxetivo de poñer en valor e achegar a lingua galega a todo o municipio.