Programa de Entroido 2019

Compartir

Programa de Entroido 2019

Xa co entroido petando na porta, desde o Concello da Pobra de Trives presentámosvos as diversas actividades que teremos durante preto de medio mes.
O 21 de febreiro xoves damos comezo a estas datas de troula co “Xoves de Compadres”, onde como manda a tradición os homes botan fariña as mulleres e as rúas da vila rematarán tinguidas de branco.
O día 24, domingo é o “Desfile de Folións e Boteiros” organizado polo Folión Os Labregos, que xa vai na súa 15ª edición e no que participarán máis dunha ducia de grupos. Terá a súa saída a partires das tres e media da tarde desde a Finca da Barreira.
Xa metidos de cheo en datas de entroido, o día 28 de febreiro chega o “Xoves de Comadres”, desta volta serán as mulleres as que enfariñen aos homes, facendo que o pobo teña vida entroideira nas rúas vendo como desde os máis pequenos ata os non tan nenos saen para “divertirse” con esta guerra. E como cada ano, pola noite, a partires das nove e media ten lugar a cea na que todas as mulleres se reúnen disfrazadas festexando as comadres.
O venres día 1 de marzo, as rúas da vila énchense de cor. A once e media da mañá arranca desde o CEIP Manuel Bermúdez Couso, o “Desfile de Entroido” da Gardería, do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso e do IES Xermán Ancochea Quevedo.
Xa pola tarde, ese mesmo venres, ás cinco da tarde, na Biblioteca Municipal da Pobra de Trives os máis pequenos disfrutarán dun obradoiro de entroido
O sábado, día 2 de marzo, na aldea de Sobrado e unha vez máis sendo a Asociación Cultural Folión de Sobrado a organizadora, festexarán o xa tradicional Cocido Popular, e despois rematarán o día percorrendo cos folións as adegas do pobo.
O luns, día 4, está reservado para os nenos e nenas, co “Desfile e Celebración do Entroido Infantil” que comezará ás cinco da tarde na Praza do Reloxo con animación, música e chocolatada para todos.
O día 5, martes de entroido haberá “desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas e tamén desfile de folións”. Será a partires das cinco da tarde con comezo na Finca da Barreira e concluirá na Praza do Reloxo. Para participar no concurso de disfraces, carrozas e comparsas estarán as bases publicadas na páxina web do concello. Desde o Concello animamos a todos a gozar do noso entroido e a participar no concurso de disfraces e comparsas.
Remata así ata o vindeiro ano a época de entroidar e que mellor xeito de darlle despedida que co Enterro da Sardiña. Este será na tardiña do mércores 6 de marzo e está organizado polo Folión A Lardeira.