O pasado martes 11 de decembro foi o Día Internacional da Montañas e desde o servizo de turismo do Concello da Pobra de Trives organízase unha Ruta de sendeirismo familiar para este domingo 16 co fin de festexar esa data. É o mellor xeito de concienciar da importancia que teñen as montañas nas nosas vidas.
Un paseo ata a Ponte Navea foi o percorrido elixido nesta ocasión gozando dun enclave natural cheo de maxia e historia. A dificultade é media–baixa, sendo unha ruta duns 6 quilómetros aproximadamente.
Ás 11 da mañá desde a Oficina de Turismo da Pobra de Trives, partirase cara o pobo de Pena Folenche. Neste pequeno desprazamento (de Trives ata a Pena Folenche) cada participante irá cos seus propios medios. Unha vez no pobo, ás 11:15 da mañá dará comezo a camiñada desde Pena Folenche cara Ponte Navea, entre frondosos bosques e as súas fragosas ladeiras, pasando algún tramos pola Vía XVIII que unía Arturica con Bracara na época dos romanos. A ruta chegará a Ponte Navea, onde o río, que leva o seu nome, fai de liña divisoria entre os concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives. En dita ponte poderán observar as características da ponte romana primeiramente e da medieval, sendo esta unha das pontes máis antigas da península. Ademais nese enclave natural de carballos e castiñeiros, tamén se atopa a antiga capela da Encarnación, onde se representa a Cruz de Malta.
No traxecto os camiñantes gozarán de pasear por bosques que forman parte da primeira paisaxe protexida de Galicia. Unha ruta circular que non deixará indiferente a ninguén.
Animámosvos a coñecer e gozar destas contornas únicas que temos na nosa montaña, este domingo 16 de decembro, ás 11 da mañá diante da Oficina de Turismo ou ás 11:15h. desde Pena Folenche.