O departamento de Cultura do Concello da Pobra de Trives leva un ano cargado de actividades culturais, tentando chegar a todos os públicos cunha oferta variada e de calidade.
Neste Nadal, onde o teatro tamén está presente no programa de actividades do concello, Sarabela Teatro representará, aquí en Trives, o seu último proxecto infantil. A cita é o vindeiro venres 28 de decembro.
“Proxecto Noé”, baixo a dirección de Fina Calleja e co gran elenco formado por Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo, chega ao Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives. Unha obra que se vén de estrear fai un mes e na que os valores da amizade, aprendendo a quererse, a ser máis amigos; da conservación do planeta, que é coma unha gran arca que todos debemos de coidar; da convivencia, respectándose os uns aos outros e vivindo en paz; ou do pensamento crítico, quedan perfectamente reflectidos en toda a obra.
Tres pingüíns, o Diluvio universal e dous único boletos para a arca de Noé son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. Os pingüíns reflexionan sobre todos os valores; como facer para salvarse os tres cando só teñen dúas pasaxes? Cando está permitido e cando non romper as regras? Cales son os motivos que xustifican facelo?
O Venres, 28 de decembro, ás 19h. no Auditorio Julio Vázquez gozaremos das divertidas aventuras de 3 pingüíns que sobreviven na soidade dun iceberg desde que se desprenderon do continente, loitando contra o aburrimento e contra o mal carácter do máis pequeno deles....se queredes coñecer como remata esta aventura agardamos que veñades a vivila con nós.
As entradas estarán á venta no Auditorio media hora antes de que dea comezo a función. Teñen un prezo de 3€.