
A orixe da fábrica de chocolate Phoenix remóntase ao ano 1889. Na actualidade podemos ver os restos da fábrica á beira da ponte que cruza o río Cabalar.
O chocolate elaborábase baixo a marca “Royal”. Durante a época alcanzara moita fama, polo que en 1923 a Intendencia Xeral da Real Casa e Patrimonio outorgáralle a honra de ser a provedora da Casa Real de España, por orde de Afonso XIII. Esta fábrica non só produciu chocolate, senón tamén electricidade para a vila de Trives.
Logo de varias ampliacións, a fábrica chegou a ocupar unha superficie de máis de 5000 metros cadrados cunha produción estimada de 9.000 quilos. A fábrica ocupou o cuarto lugar entre as empresas produtoras de chocolate, debido á gran cantidade de vendas.
Na actualidade a fábrica aínda existe en Bos Aires co mesmo nome. No seu logotipo utiliza a imaxe dun mapa da comarca.