
O antigo colexio Santa Leonor é algo así coma o cofre da memoria histórica do lugar. Moitas xeracións de triveses e trivesas foron educadas no colexio Santa Leonor. Hoxe en día no seu interior alberga o Centro de interpretación histórico-cultural e o Museo da Infancia e da Escola
Centro de Interpretación Histórico e Cultural:
Preséntase como unha viaxe ao interior dunha montaña, pero non dende o punto de vista xeolóxico, senón histórico, cultural e social.
Consta de diferentes cuartos:
- Terra de lume: presenta os catro elementos coa posibilidade de escoitar a auga e ver o lume.
- Historia: en diferentes maletas preséntasenos o resultado da presenza romana, dos franceses, a emigración e o progreso.
- Flora e fauna: vemos a súa presenza a través de paneis e debuxos.
- Elementos tan característicos como a néboa e a choiva tamén están presentes.
- Veremos tamén a poboación do onte e do hoxe
Ao final do recorrido temos a posibilidade de ver un diagrama sobre os aspectos tratados a través de imaxes.
Organízanse visitas para grupos dun máximo de vinte persoas. Se acoden particulares fórmanse grupos entre os asistentes.
O prezo é de 1,80 € para adultos e para os nenos menores de dez anos é gratis.
Museo da Infancia e da Escola:
É un museo de titularidade privada e gratuíto. No museo podemos observar unha ampla mostra do que foi unha escola de fins do século XIX e principios do século XX. Aquí encontraremos exemplares de cómics, recortables, libros de texto, urbanidade, relixión, novelas, encerados, xoguetes, material escolar, xogos, plumas, mapas, cartabóns, enciclopedias, fotos, carteiras e un longo etcétera que nos mostra o que foron as súas xentes y nos axudan a entender o que hoxe en día son.
Os visitantes poden escribir con pluma e tinta nun libro de visitas o que é unha nova experiencia para os máis cativos.
Este mesmo edificio alberga: a biblioteca, a aula multimedia, a sala de exposicións e o auditorio.
Como chegar?
Dende o centro comarcal chegamos a Pobra de Trives, despois cruzamos a localidade en dirección a Ponferrada e sen chegar a saír da vila encontramos á dereita o Colexio Santa Leonor cunha pequena fonte diante, que está presidida pola figura de don Eumenio Ancochea fundador deste mesmo colexio.