A Concellería de Cultura, Muller e Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) da Pobra de Trives presentan o programa de actividades elaborado en torno ao Día da Muller.
O acto central será o vindeiro día 8 de marzo ás 20:30h no Auditorio Julio Vázquez. Fará a apertura do acto a Concelleira de Cultura, Muller e Igualdade, Isabel González Fandiño, e a Directora do CIM, Susana Gómez González.
Neste contaremos cunha mesa redonda coa participación de varias mulleres emprendedoras da Pobra de Trives que explicarán as súas diferentes experiencias e como lles inflúe o ser muller nos seus traballos e empresas. Tamén veremos cal é o seu día a día como muller ao fronte da empresa a través de breves vídeos de cada unha delas.
Ademais Mónica Álvarez actuará cunha coreografía de Danza Tribal.
Dentro do marco da celebración do Día da Muller, o venres, día 9, ás 22h. no Auditorio Julio Vázquez proxectarase a película Las chicas del calendario, reflexando e reforzando a vida de mulleres emprendedoras, traballadoras, existosas e botadas cara adiante.
E o sábado, día 10 de marzo, ás 18h. tamén no Auditorio haberá cine infantil coa película Brave, pensada para romper moldes, cunha protagonista feminina que se nega a determinados estereotipos.
Dende o CIM levaranse a cabo Obradoiros de Comunicación Afectiva cos alumnos do I.E.S. Xermán Ancochea Quevedo con diferentes xornadas, durante os meses de marzo e abril.