O pasado día dezanove de xaneiro de 2016, despois dun período de estudo e elaboración, o Alcalde do Concello de A Pobra de Trives ven de aprobar, mediante Decreto 4/2016 unhas Bases de Contratación que teñen por obxecto regular o procedemento para a creación dunha Bolsa de Emprego, referida ao persoal necesario para a cobertura, con carácter temporal, dos seguintes postos de traballo: Auxiliar de axuda no fogar, chofer de maquinaria, peón barredor, Técnico/a de Turismo, Auxiliar de Turismo, Peón de servizos varios, Oficial de servizos varios, Tractorista, Fontaneiro, Axente de dinamización e Limpador/a.
Dende o vindeiro luns, día 25 de xaneiro, data na que previsiblemente sairán publicadas no BOP, ábrese un prazo de sete días naturais no que os interesados poderán presentar as súas solicitudes.
A Bolsa de Emprego tamén será de aplicación para as contratacións laborais temporais, dende a entrada en vigor das presentes bases ata 31 de decembro do ano 2016, podendo prorrogarse un ano máis, isto é, ata o 31 de decembro de 2017, mediante Decreto de Alcaldía.
Unha vez creada a Bolsa de Emprego e durante o seu período de vixencia, cubriranse os postos de traballo de carácter temporal que se concretan nas presentes bases, con excepción daqueles postos que por disposicións legais ou por determinalo así programas concretos de axudas á contratación de persoal (subvencións e/ou convenios) non poidan seguir este procedemento.
A regulación de todo o relativo á creación dunha Bolsa de Emprego, pretende axilizar a selección de aspirantes para cubrir necesidades de emprego de carácter temporal e garantir que os/as aspirantes coñezan a valoración dos seus méritos de cara a unha posible contratación futura por parte deste Concello, dotando a esta administración do persoal máis capacitado e preparado seguindo criterios de equidade e discriminación positiva nos casos considerados na lei. Así mesmo ten como fin axilizar os procedementos de dotación de persoal en prol dunha maior eficacia dos Servizos Públicos.
Pódense consultar as bases.