
A ponte Bibei é da época do emperador Traxano e foi remodelada cara fins do século XIX e principios do XX. Na actualidade séguese utilizando. As súas dimensións son de 75 metros de lonxitude e de 7 metros de anchura. Dende o arco central ata o leito do río hai 22,50 metros.
Os materiais que compoñen a ponte son: granito apardazado e rústica cantaría horizontal en disposición de soga tizón ata o arranque dos arcos. A altura dos fiados non é homoxénea. A distribución básica da ponte está formada por tres arcos. O arco central mide 20 metros e os laterais 6, 40 e 10, 30 metros, a anchura das pías é de 5 metros.
O seu deseño é perfecto, xa que hai que ter en conta que non é doado harmonizar os arcos laterais co central, porque a luz do arco central é maior, mais do dobre, ca dos laterais. Os arcos laterais arrincan moi preto do chan e utilizan opus cuadrata nas doelas e na cantaría dos tímpanos. Contrasta o esmero do almofadado do interior, feito para poder asentar en seco, é dicir, sen argamasa nin morteiro, co estilo desairado do exterior. Os piares teñen tallamares triangulares que están ao nivel do arranque central coroándose con sombretes piramidais, que quedan moi baixos. O seu rasante é horizontal.
A ponte pertenceu á Vía XVIII do Itinerario de Antonio. Da súa fabricación quedaron as seguintes marcas de cantaría: X, CX, CXI. Pertenceu probablemente á época de Traxano e probablemente construíuse entre o 114-119 d.c
Foi Construído para o paso da Vía Nova e ostenta a categoría de Monumento Histórico Artístico Nacional. Esta é unha das pontes romanas mellor conservadas da Hispania, probablemente porque nunca perdeu a súa función de obra útil. Sobre a ponte pasou primeiro a vía XVIII, despois os diferentes camiños que a substituíron a través dos séculos, e dende o século pasado a estrada N-120 (actual C-536). A ponte Bibei, recibe este nome polo río Bibei, é unha das máis altas da Hispania e está incluída no libro: Pontes históricas de Galicia.
Nas súas inmediacións atópase un miliario de Perico e Domiciano do ano 80 d.c. e unha pedra honorífica dedicada ao emperador Traxano. Ambas inscricións están colocadas sobre plintos prismáticos nos que figura unha proposta de lectura. Nas proximidades, pódense observar restos perfectamente recoñecibles da Vía Romana.