
O río Navea conduce as súas augas a través dun estreito val antes de xuntarse co Bibei. O río traza a liña divisoria entre os concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Este val da Terra de Trives era todo un obstáculo na antigüidade para todos os que tentasen cruzalo. Os seus frondosos bosques e as súas fragosas ladeiras facían que fose unha ruta difícil. Pero, aínda que fose perigosa os que viñan do Bierzo tiñan que seguir a ruta para poder achegarse ás terras de Trives. Seica nestas terras se situou a capital da tribo galaica dos Tíburos, Nemetóbriga, que posteriormente se convertiría nunha mansión romana.
Por aquí pasaba a coñecida e importante Vía XVIII que unía Asturica con Bracara. Esta vía construíuse baixo o mandato dos emperadores Tito e Domiciano en torno ao ano 80 d.C. No Trives Vello localizábase Nemetóbriga (a cidade do bosque sagrado) capital de los Tiburi, a tribo celta que habitaba na zona.
Debido á importancia desta vía e a necesidade de transportar a abundante materia prima da zona para levala cara a outros lugares do Imperio Romano, foi precisa a construción dunha ponte que salvase o val do Navea. A ponte actual conta cun ancho de 3,75 m e cunha lonxitude de case 30 m. A súa estrutura dun só arco apuntado de 20 m de luz, remóntase á época medieval. A primitiva era de orixe romana e as súas dimensións eran moito máis grandes, para que as lexións romanas pasasen comodamente. Os restos da ponte romana primitiva, que posiblemente contaba con dous vans, pódense observar na cantaría almofadada dos arranques da bóveda, estribos muros de canalización, onde é posíbel descubrir as pegadas producidas pola extracción das ancoraxes de ferro entre a cantaría. Debido aos abundantes restos de fábrica romana a ponte foi inventariada e catalogada coa máxima categoría no Inventario de Pontes Históricas de Galicia e ten incoado expediente de declaración de Ben de Interese Cultural.
A mediados do século XIX foi descuberto na porta de entrada dun alpendre un miliario romano dedicado aos emperadores Tito e Domiciano. A inscripción que presenta é a que segue:
IMP . TITO CAES . DIVI
VESP . FIL VESPASIANO
AVG . PONT . MAX . TRIB
----------------
POT . VIII . IMP XVI P.P.
----------------
COS VIII.
CAES .DIVI . VESP . FIL . DOMITIANO
COS. VIII VIANOVA. AB . ASTURICA
C . CALP . RANT . QUIRINALE
VALFESTO . LEG . AVG . P.P.
M.P.
Ao carón da estrada principal preséntasenos unha mostra destes miliarios que marcaban as distancias desta Vía XVIII. Á parte da ponte tamén nos abraiará a arquitectura tradicional destas zonas de Trives. Ao carón da ponte consérvanse casas e alpendres dunha antigüidade sorprendente. Ademais do inmellorábel marco natural, composto por carballos e castiñeiros. A zona complétase coa presenza dunha antiga capela, ao carón de Trives, onde se representa a Cruz de Malta. Pola presenza desta capela supoñemos o paso dun camiño de peregrinación cara Santiago, debido á representación nunha doela da porta de entrada da Cruz da Orden de Malta, que se encargaba de vixiar o bo camiño dos peregrinos. É a chamada Capela da Encarnación.
Uns poucos metros máis abaixo do río, localízase un embalse tradicional de épocas remotas e as construcións de dúas pontes modernas, unha do século XIX, a chamada Ponte Piago e outro de finais do XX. Uns metros máis arriba encóntrase o Encoro das Guístolas e moi preto, cara o Leste, sitúase a subestación eléctrica de Trives.